Uxía Lemus: "Non queremos ser un apéndice máis da capital, merecemos un Concello con personalid
- POLÍTICA | MLC | Imaxe: Iván Tourís
- 25 abr 2015
- 3 Min. de lectura
O Partido Socialista de Teo celebrou onte a presentación da candidatura coa que concorrerá ás eleccións do 24 de maio, e na que interviron Roberto Moñino, número 2; Paula Fernández Pena, senadora e ex-alcaldesa de Silleda; e Uxía Lemus, candidata á alcaldía de Teo

O acto dos socialistas comezou coa intervención de Roberto Moñino, número 2 da listaxe do PSdeG de Teo, quen xustificou as motivacións que o levaron a unirse ao equipo encabezado por Uxía Lemus. Segundo Moñino, "pódense facer as cousas doutro xeito, con previsión, con estudos pormenorizados, proxectos individualizados e planificación de obras" e todo isto xestionado pola "xente implicada que conforma a candidatura socialista encabezada por Uxía Lemus".
A continuación, a senadora e ex-alcaldesa de Silleda, Paula Fernández Pena, defendeu na súa intervención o "compromiso e a responsabilidade que representamos a xente que conformamos este partido que asinou as mellores páxinas da historia deste país". Asemade, Fernández quixo agradecer o traballo feito en solitario por Uxía Lemus na oposición do goberno local, e animou aos asistentes a "axudar" á candidata socialista, unha candidata que "ten compromiso, ilusión e ganas de convertir Teo nun Concello onde as políticas sociais o impregnen todo".
A senadora socialista rematou a súa intervención reivindicando "que non podemos continuar con gobernos que recortan en gasto social, que fan retroceder os dereitos das mulleres, e que nos reprimen con leis como a Lei Mordaza".
De seguido, Uxía Lemus comezou a súa intervención sinalando que "imos traballar para o 20% da poboación teense que está baixo risco de pobreza" e anunciou que dende o PSdeG de Teo "non imos facer mítins, senon que imos ir polas parroquias facendo pé e perna, pois xa rematou o tempo dos monólogos". Ademais, Lemus fixo alusión á súa proposta de debate entre candidatos, que polo momento xa conta co apoio do BNG e ANOVA, e "un silencio total e absoluto do PP" cuxas razóns de non aceptar o debate "nunca serán superiores ás esixencias da cidadanía". Malia isto, Lemus asegurou que haberá debate, aínda que sexa sen o Partido Popular.
Por outra banda, Lemus anunciou que contan con 138 razóns para "ser ambiciosos", "porque 138 son mozos e mozas de entre 25 e 34 anos que no último ano marcharon de Teo".
Entre os puntos principais do programa socialista salientan "o fomento do emprego, baixo o proxecto "Teo Sostible" no que colaboraron expertos da Universidade; o fomento da compostaxe, como primeiro paso para a redución da taxa do lixo; a realización dunha auditoría enerxética; a elaboración dun estudo de mobilidade no Concello para comunicar as distintas parroquias; a creación dun polígono agrícola, xa que o tempo dos polígonos industriais como forma de crecemento xa pasou; a creación dun centro de día; a redacción dun plan de seguridade viaria; e a xestión pública dos servizos".
Ademais, entre as propostas dos socialistas, salienta a creación dun "Consello Cidadán" e a realización de "consultas á cidadanía sobre cuestións estratéxicas de Concello".
Finalmente, Uxía Lemus deu paso ás 19 persoas que conforman a listaxe do PSdeG de Teo nas vindeiras eleccións de maio.
1. Uxía Lemus de la Iglesia
2. Roberto Moñino Gil
3. María Josefa Argibay Da Silva
4. Enrique Durán Julian
5. María Rosa Aneiros Gómez
6. Nisar Maarawi Pena
7. Josefina Angueira Coto
8. Daniel García Dios
9. Josefina Martínez Espasinde
10. Manuel Aurelio Díaz Mato
11. Balbina González Morcillo
12. Jaime Rodríguez Ouro
13. Josefa del Carmen Costa García
14. Antonio Carreira Villar
15. Hortensia Lavin Rapp
16. Juan Carlos Corcoba Conde
17. María Pilar Vázquez Neira
Suplentes:
1. Manuel Rey Rodríguez
2. María Zora Concepción Leis Barcia
Kommentarer