Concello e Xunta acometen unha obra de ampliación de beirarrúa e mellora da rede de sumidoiros en Ca
- POLÍTICA | MLC | Concello de Teo
- 29 abr 2015
- 2 Min. de lectura
A ampliación da beirarrúa en Cacheiras, realizada pola Xunta, acordouse despois dunha petición do Concello facendo ver a necesidade da obra. Asemade estase a substituír un colector principal da rede de sumidoiros da zona

Segundo informan dende o consistorio, a obra de ampliación da beirarrúa da zona do Grilo en Cacheiras, nun lugar na que era especialmente estreita, "é unha demanda que a veciñanza da zona e os colectivos de discapacitados levaban algún tempo solicitando". O Concello de Teo, tras escoitar esta demanda veciñal, solicitou á Xunta de Galicia, responsable da estrada, o seu arranxo.
Esta mellora acordouse despois dunha reunión, realizada no mes de setembro de 2014, á que asistiron como representantes do Concello de Teo o concelleiro de Urbanismo, Rafael Sisto, e o concelleiro de Obras, Xurxo Francos, xunto co enxeñeiro xefe do ente autonómico. Nesa reunión, o responsable da Consellaría da Xunta de Galicia asumiu a obra que se executa nestes días, e que amplía a zona da beirarrúa suprimindo a beiravía existente nese lugar.
Ademais, segundo afirman dende o Concello de Teo, iniciouse asemade a obra de substitución dun colector principal da rede de sumidoiros que dá servizo á zona de Cacheiras, "coa finalidade de acometer unha obra conxunta nunha soa vez e evitar posibles molestias á veciñanza". Esta obra, segundo informa o consistorio, ten un orzamento final de preto de 10.000 euros para a súa execución.
Ademais, na mesma reunión de setembro, o Concello solicitoulle á Xunta a cesión das canchas e parques existentes na Autovía AG-59 nas parroquias de Oza e Cacheiras. Para que esa cesión fose efectiva, o Concello solicitou o arranxo previo á cesión deses emprazamentos, obra que, polo de agora, a Xunta de Galicia non iniciou. O Concello cualifica este arranxo como "urxente", xa que as condicións nas que se atopan as pistas e canchas "son perigosas para as persoas usuarias e non garanten a seguridade nestes emprazamentos".
Comments