Chévere volta esta fin de semana a Teo cunha Ultranoite "das de sempre"
- CULTURA | MLC | Compañía Chévere
- 30 abr 2015
- 2 Min. de lectura
A compañía ofrecerá tres funcións que terán lugar os días 30 de abril, e 1 e 2 de maio, a partir das 22:00 horas da noite no auditorio da Ramallosa

Logo dunha paréntese de máis dun ano, Chévere recupera esta fin de semana as Ultranoites de toda a vida, ese cabaré colectivo e perralleiro que xa é un clásico da compañía e que ofrece sobre o escenario un repaso dos personaxes e os feitos máis relevantes da actualidade. As funcións serán hoxe, día 30 de abril; mañá, venres 1 de maio e o sábado 2 de maio a partir das 22.00 h.
Nesta ocasión, o elenco da ultranoite estará composto por Patricia de Lorenzo, Mónica García, Arantza Villar, César Goldi, Xron, Borja Fernández, Iván Marcos, Pablo Reboleiro e o acompañamento musical de Xacobe Martínez Antelo, Manuel Cebrián e Max Gómez. Participarán ademais como artistas convidados A Panadaría, Os da Ría, Ana Ponte e Nieves Rodríguez.
Desta vez pasarán pola Ultranoite As Fillas Bravas, o ministro grego Yanis Varufakis, Pablo Iglesias e Carolina Bescansa e a primeira ministra alemana Angela Merkel, que lle dará a benvida ao exalcalde de Santiago Gerardo Conde Roa, entre outros personaxes.
As entradas pódense mercar na páxina web http://redenasa.tv, no café SCQ (rúa das Orfas, Santiago), na Panadería San José (Cacheiras), A Santa Sede (A Ramallosa), A Senra (Pontevea), A Capilla (Calo) e A Casa do Patín (Padrón).
Tamén é posible ir á Ultranoite en autobús, que sairá da Rúa da Rosa, en Santiago, ás 21.15. Para facer uso do Ultrabús é preciso mercar por adiantado a entrada de Ultranoite+Ultrabús (esgotadas para a sesión de hoxe xoves). As entradas con bus pódense mercar en http://redenasa.tv e no Café bar SCQ (rúa das Orfas, Santiago).
Comments