O BNG cuestiona a depuración das augas na estación de servizo da AP-9 en Teo
- POLÍTICA | MLC | BNG de Teo
- 30 abr 2015
- 1 Min. de lectura
A deputada do BNG Ana Belén Pontón Mondelo formulou no Parlamento galego unha pregunta sobre a depuración das augas na Estación de Servizo Compostela na AP-9 ao seu paso por Luou

Na AP-9, no termo municipal do concello de Teo, está instalada unha estación de servizo que se denomina Compostela. Segundo a formación nacionalista, un grupo de veciños e veciñas da zona puxéronse en contacto co portavoz do BNG en Teo, Manuel Anxo Fernández Baz, para denunciar que os sistemas de depuración non funcionan correctamente e que existe afección a augas superficiais e subterráneas.
Esta situación foi trasladada ao Grupo Parlamentar do Bloque Nacionalista Galego (BNG), que formulou a proposta da súa deputada, Ana Belén Pontón Mondelo, unha iniciativa na que se solicita de Augas de Galiza que inspeccione as condicións de depuración que se están aplicando e analice se está a cumprir a lexislación vixente en materia de tratamento de augas e vertidos autorizados. Pois, as estacións de servizo, polo tipo de actividade que desenvolven, conlevan un risco potencial de contaminación de solos e auga subterráneas, requirindo especial atención e seguimento.
Explican dende o BNG que estas estacións "teñen unha normativa específica que obriga a tratar as augas hidrocarburadas, que conteñen partículas de hidrocarburos en suspensión e precísase dunha rede que recolla as augas da zona de repostaxe, descarga do camión cisterna e da zona de aire e auga".
Diante disto, o BNG considera que é necesaria unha resposta inmediata por parte da administración.
Comments