Comeza o prazo para apuntarse nos campamentos deportivos da Deputación da Coruña
- POLÍTICA | MLC | Concello de Teo
- 7 may 2015
- 2 Min. de lectura
Este ano haberá dous campamentos, un dirixido a rapaces e rapazas nados entre o 2001 e o 2005 e outro para os nados entre o 1998 e o 2000

Os campamentos deportivos da Deputación da Coruña teñen aberto o prazo para anotarse até o día 29 de maio. Este ano haberá dous campamento repartidos por idades, un deles para os rapaces e rapazas que naceran entre os anos 2001 e 2005, para o que hai oito prazas, polo que se o número de solicitudes supera esta cifra realizarase un sorteo público o día 1 de xuño ás 10:30 horas na Casa do Concello; o outro campamento está dirixido para os rapaces e rapazas nados entre os anos 1998 e 2000, e para o que non hai un número estipulado de prazas por concello, senón que será a Deputación quen xestione o reparto das prazas.
Ambos campamentos terán lugar no Centro Calvo Sotelo (A Coruña). O campamento dos maiores celebrarase entre os días 19 e 25 de xullo e o dos máis pequenos entre o 28 de xuño e o 4 de xullo. Durante as xornadas de convivencia os participantes practicarán deportes náuticos, equitación, multiaventura, paseos a cabalo, kaiaks, orientación, piragüismo, paseos en barco, fútbol 7, baloncesto, batuka, capoeira, hip-hop,voleibol praia e tenis, veladas nocturnas, unha noite en tenda de campaña e actividades culturais e ademais no campamento dos maiores incluirase a actividade de deporte e inglés.
A ficha de inscrición debe presentarse acompañada da seguinte documentación: foto de carné, fotocopia do DNI ou libro de familia, fotocopia do documento de asistencia sanitaria e, no caso de ter un tratamento específico ou doenza que haxa que ter en conta, presentar o xustificante médico. A cota de inscrición é de 85 euros e non inclúe o traslado de ida e volta ó lugar do campamento.
Comments