O BNG de Teo facilitará a participación cidadá coa creación do Consello de Relacións Veciñais
- POLÍTICA | MLC | BNG de Teo
- 13 may 2015
- 2 Min. de lectura
Dende o BNG-Asembleas Abertas de Teo salientan a participación veciñal como mecanismo imprescindible para "facer un concello para todos e todas"

Manuel Anxo Fernández Baz, candidato á alcaldía polo BNG-Asembleas Abertas, salienta que dende a formación nacionalista entenden como unha premisa fundamental "a promoción da participación veciñal en todos os eidos da vida municipal”.
Como mostra deste compromiso, Fernández Baz argumentou que existe "un Regulamento de Participación Veciñal, aprobado polo goberno do BNG no primeiro mandato e que foi paralizado polo actual executivo local.”
Con todo, o candidato nacionalista recoñeceu que “este Regulamento precisa ser mellorado coas propostas da veciñanza, para converterse nun dos mecanismos angulares no deseño das políticas públicas, na toma de decisións do Concello e na canalización de demandas, críticas e propostas veciñais”.
Sinalan dende o BNG, que para a posta en marcha deste Regulamento debe procederse á creación do Consello de Relacións Veciñais que tería o obxectivo de ser o órgano consultivo de representación veciñal.
Así mesmo, Fernández Baz asume o compromiso de "retomar as reunións nas parroquias cos veciños e veciñas e co tecido asociativo para render contas do traballo feito, escoitaremos as necesidades e fixaremos cos veciños as actuacións prioritarias", actividade que segundo o alcaldable "foi abandonada desde o goberno municipal despois da saída do BNG".
O BNG tamén se compromete á posta en marcha de orzamentos municipais participativos, "de xeito que os veciños e veciñas decidan as prioridades nas que investir os seus impostos". Para isto afirman que "é fundamental a información de toda a actividade política municipal e a autoorganización como mecanismo para a participación á hora de fixar prioridades nas accións de carácter local e sectorial".
Comments