O Partido Popular presenta as medidas principais do seu programa electoral Estratexia PlanTeo 2019
- POLÍTICA | MLC
- 13 may 2015
- 2 Min. de lectura
O candidato á alcaldía do PP de Teo, José Manuel Guerra, acompañado por Antonio Sánchez, María Vázquez e Dolores Nariño, presentaron esta mañá as medidas principais do seu programa de goberno Estratexia PlanTeo 2019

José Manuel Guerra, número un dos populares, anunciou esta mañá a posta en marcha dun plan xeral de conciliación familiar e laboral, co obxectivo de "que as parellas mozas atopen vantaxes e facilidades para residir en Teo e, deste xeito, a medida redunde nun incremento da poboación".
En canto ao eido social, Guerra destacou a creación dun centro integral de día para persoas maiores, "habilitando a estes fins algunha construcción xa existente para evitar duplicidades e despilfarros". Segundo explicou o candidato, este centro de día "funcionará como un centro de apoio ás familias que prestará atención terapéutica integral e plural ás persoas maiores con dependencia ou en risco de padecela, favorecendo a súa autonomía persoal e a súa permanencia no contorno habitual, cun servizo de transporte que asegure o desprazamento ao centro das persoas usuarias dende calquera parroquia do municipio”.
No referente ao transporte público, o PP de Teo tamén se compromete á "creación dunha liña circular interparroquial que conectará as diferentes vilas de Teo".
Co obxectivo de reducir o déficit das arcas municipais, Guerra explicou que o programa Estratexia PlanTeo 2019 inclúe un paquete de medidas “de responsabilidade económica” entre as que se atopa "o desenvolvemento dun plan de aforro enerxético cuantificado nun millón de euros nos vindeiros catro anos, mediante a instalación de bombillas led no alumeado público, que aseguren menor consumo e menor contaminación". O candidato popular tamén asegurou que reducirá o nivel de gasto no equipo de goberno nun 20%, "eliminando competencias exclusivas", e que aforrará no custo dos subministros mercando nunha central de compras.
Finalmente, en canto ao emprego e á mocidade, o candidato popular afimar que creará "un plan anual de formación para persoas desempregadas", fomantará "a realización de obradoiros de emprego", e facilitarán "a concesión de licencias exprés" coa redución da carga burocrática e dos tempos para a apertura de novos negocios. Ademais, dende o PP de Teo apostarán pola activación do polígono da Ramallosa "con medidas de apoio a emprendedores e empresariado de Teo, con primas para a contratación de profesionais residentes en Teo".
Estas medidas, segundo José Manuel Guerra, "desenvolveranse en paralelo xunto a numerosas melloras de servizos básicos na zona rural de Teo, como o saneamento, o abastecemento e a mellora das pistas".
Na quenda de preguntas, José Manuel Guerra fixo alusión ás críticas de Martiño Noriega en canto ao rural compostelán, manifestando que "agora vai dar clases a Santiago de como mellorar o rural, cando o tivo totalmente abandonado durante 8 anos”; e Antonio Sánchez, número dous da candidatura, respondeu sobre o pacto previsto dos demais partidos, co fin de impedir a volta ao goberno do PP, calificando a situación como “democráticamente lamentable”. Segundo Sánchez “as coalicións deberían ser para facer un Teo mellor e non para que non goberne o Partido Popular”.
Comments