Podemos Teo analiza os programas electorais das diferentes candidaturas
- POLÍTICA | MLC | PODEMOS Teo
- 19 may 2015
- 1 Min. de lectura
Dende Podemos Teo apoiarán as candidaturas que prioricen "o ser humano, os seus dereitos e a súa liberdade, por riba dos intereses económicos duns poucos"

O Círculo Podemos Teo, que decidira no pasado mes de decembro non presentarse aos comicios municipais, vén de analizar os diferentes programas que presentan as formacións políticas que concorren ás eleccións do 24M.
Segundo Podemos Teo, apoiarán as candidaturas que se aseguren, como mínimo, feitos como a "transparencia total, xa que todos os veciños deben poder acceder á información sobre accións de goberno, patrimonio dos políticos ou contas do Concello".
Outros dos mínimos a cumprir que demanda a formación, é a "participación veciñal", xa que aseguran "é imprescindible non esquecer que os veciños son os protagonistas, os que ceden a súa soberanía para seren representados, polo que a súa colaboración, de xeito continuado, é básica. Cómpre crear e dinamizar mecanismos de información e plataformas nos que toda a veciñanza poida ser consultada incluso antes de tomar certas decisións".
Ademais, dende Podemos Teo anuncian que colaborarán coas formacións que aseguren a municipalización dos servizos públicos, a educación pública, o respecto ao medio ambiente e que primen políticas que impidan a especulación urbanística.
Deste xeito, dende o Círculo teense aseguran que "rexeitaremos aqueles “programas" que "nin sequera poden considerarse tales, por non detallar nin desenvolver propostas, así como por non ser presentados pública e persoalmente polos cabezas de partido; omisión e ocultación de información que observamos no “programa” do Partido Popular".
Comments