As piscinas municipais dos Tilos e Luou abren as súas portas o 15 de xuño
- MLC | Concello de Teo
- 3 jun 2015
- 2 Min. de lectura
Os carnés para acceder ás piscinas tramítanse nas instalacións da piscina municipal climatizada da Ramallosa

As piscinas municipais dos Tilos e Luou, que só funcionan na tempada de verán, abrirán as súas portas o vindeiro luns 15 de xuño e estarán abertas até mediados de setembro.
Segundo informan dende o consistorio, tal e como aconteceu en anos anteriores, a instalación dos Tilos abrirá en horario de mañá e tarde, de 11:00 a 14:00 horas e de 16:00 a 21:00 horas todos os días, mentras que a de Luou terá este mesmo horario os sábados, domingos e festivos e de luns a venres só abrirá pola tarde entre as 16:00 e as 21:00 horas.
Para tramitar o abono de acceso a estas piscinas, é preciso achegarse á recepción da piscina municipal da Ramallosa e inscribirse no abono familiar para todo o verán, cun custo de 27 euros e cun incremento de 8 euros por cada membro da familia de entre 18 e 24 anos. O abono individual de adulto custa 17 euros mentres que para os menores de 24 anos o prezo é de 14 euros. As persoas que queiran ir ás piscinas en días soltos poden mercar a entrada diaria por 2,5 euros directamente na piscina descuberta. Os abonados da piscina climatizada teñen dereito ao acceso de balde a estas piscinas.
As familias que teñan a todos os seus membros en situación de desemprego estarán exentos do pagamento para as piscinas dos Tilos e Luou, para o que deben achegar a tarxeta de desemprego. Tamén están exentos de pagamento os maiores de 65 anos (a 1 de xuño da tempada) presentando o DNI e os menores de 5 anos (a 1 de xuño da tempada) amosando o libro de familia.
Dende o Concello ofertan máis información na piscina climatizada da Ramallosa, no teléfono 981 803 922 ou no enderezo electrónico teo@aquafitgestion.com.
Comments