Ábrese o prazo para presentar as solicitudes das cacharelas do San Xoán
- RSR | Concello de Teo
- 3 jun 2015
- 1 Min. de lectura
O formulario ten que presentarse no Rexistro Xeral do Concello antes do 23 de xuño

O Concello de Teo abre o prazo para solicitar a autorización pertinente para a realización das cacharelas da noite de San Xoán. As persoas ou colectivos interesados en facer unha cacharela para a celebración de San Xoán terán que presentar unha solicitude, que poderá descargarse na páxina web do Concello ou recoller nas oficinas municipais ou no Rexistro Xeral do Concello antes do vindeiro 23 de xuño.
Dende o Departamento de Medio Ambiente lembran ter en conta “as normas de seguridade básicas”, entre as que destacan que “o perímetro do lume non debe superar
os 8 metros e a súa altura os 3 metros” ou que “a separación entre o lume con edificios ou árbores debe ser de, canto menos, 12 metros”.
Dende o Concello lembran tamén que está prohibido “queimar neumáticos, plásticos, espumas de poliuretano, aceites ou
calquera sustancia que desprenda fume tóxico” e insisten en cerciorarse de que o lume “quede totalmente apagado antes de abandonar o lugar”.
Comments