Rafael Sisto é o novo alcalde de Teo
- POLÍTICA | MLC
- 13 jun 2015
- 2 Min. de lectura
O candidato á alcaldía por SONdeTEO-ANOVA conseguiu os apoios precisos para obter a maioría absoluta, cos votos da súa formación máis os do PSdeG-PSOE

Ás 10:00 horas da mañá comezaba a sesión de investidura no Salón de Plenos do Concello de Teo, coa conformación da Mesa de Idade presidida por Julio Retis, como concelleiro de maior idade, e María Vázquez Rey, como a concelleira máis xoven.
Unha vez rematados os xuramentos e promesas dos concelleiros e concelleiras, procedeuse á presentación de candidaturas á alcaldía do Concello, á que se presentaron Rafael Sisto (SON) e José Manuel Guerra (PP). Mais só o candidato de SONdeTEO-ANOVA foi quen de reunir os votos precisos para acadar a alcaldía, mediante os sete apoios da súa formación máis os dous do PSdeG-PSOE; nove votos en total que conforman a maioría absoluta.
Depois de ser proclamado alcalde, Rafael Sisto recibiu o bastón de mando das mans de Martiño Noriega, sinalando que para él é un "orgullo" recibir o bastón de mans do que foi alcalde de Teo durante oito anos, agradecéndolle a Noriega o traballo durante as anteriores lexislaturas. Sisto rematou de dirixirse a Noriega reclamándolle que faga de Compostela "a capital do mundo".
O alcalde electo tamén agradeceu os apoios acadados por parte de Uxía Lemus e Roberto Moñino, do PSdeG-PSOE, e reivindicou as liñas que seguirá durante o seu mandato, como son a "defensa do compromiso, responsabilidade e o trato igualitario entre todos os veciños e a defensa dos intereses colectivos por riba dos persoais".
Sisto tamén lembrou na súa intervención ao seu avó, José María Sisto Bustelo, un dos asinantes da acta de proclamación da República en Teo no ano 1931, asumindo que gobernará mediante os valores republicanos de "xustiza, liberdade, traballo e dignidade", ademais de lembrar a Avelino Pousa Antelo, a quen se referiu sinalando que "apañaremos as estrelas co teu caxato".
Comentários