top of page

O Concello aumenta o número de dedicacións exclusivas reducindo salarios e mantendo o mesmo custo

  • POLÍTICA | MLC
  • 19 jun 2015
  • 2 Min. de lectura

Esta medida, entre outras, foi aprobada no pleno extraordinario que se celebrou onte no Salón de Plenos do Concello

Imaxe: MLC

A corporación municipal aprobou onte o número total de dedicacións durante a vindeira lexislatura, que pasarán a ser cinco exclusivas e unha parcial. Esta medida foi criticada pola oposición.

Pola súa parte, Manuel Anxo Fernández Baz (BNG-AA) defendeu a existencia de dedicacións exclusivas, mais votou en contra por mor da distribución e a ampliación das mesmas cando até agora "o goberno defendía que se estaba traballando ben con menos". Fernández criticou a estruturación das dedicacións exclusivas sinalando que non se pode entender como un concelleiro se encargará de urbanismo e outro diferente do tema de saneamento, ao que Rafael Sisto respondeu que esta decisión se debe a que el desenvolveu "todo o proceso" e "sería un impedimento e un retraso ter que trasladar este tema a outro concelleiro".

En canto ao grupo popular, tampouco se fixeron esperar as críticas, tanto na figura de Uxía Lemus, quen durante a campaña electoral defendeu un aforro neste aspecto, máis na figura de Rafael Sisto. Antonio Reyes, número 2 dos populares, considerou como unha "irresponsabilidade" o aumento das dedicacións exclusivas, e que vaian a custarlles aos teenses "preto de 196.000 euros durante toda a lexislatura".

O grupo de goberno defendeu o incremento de dedicacións exclusivas co obxectivo de mellorar o traballo nas diferentes áreas municipais, e todo isto "asumindo unha redución de aproximadamente un 10% no salario de cada dedicación exclusiva e nos cargos de confianza, que se reducen a tan só un, para aumentar a cifra de dedicacións sen aumentar o gasto".

Uxía Lemus defendeu a súa postura no aumento das dedicacións exclusivas sinalando que é un feito que "tivemos que asumir dado o resultado electoral", mais na negociación conseguiron, segundo Lemus, "que se reducise o número de cargos de confianza a tan só un, ademais de reducir o salario do mesmo".

Finalmente, as declaracións exclusivas quedaron aprobadas cos votos a favor de SON e PSdeG (9). O PP e o BNG votaron en contra (8).

Outros dos puntos que se acordaron neste pleno extraordinario foron a realización dos Plenos municipais ordinarios o último xoves de cada mes, ás 20:00 horas, para que poidan asistir os cidadáns; a excepción do primeiro Pleno ordinario, que se celebrará o vindeiro 23 de xullo ás 20:00 horas a petición do grupo popular.

En canto ás comisións informativas, aprobouse que estean formadas por 3 representantes de SON, 3 do PP, 1 do PSdeG e 1 do BNG.

 
 
 

Comments


+ NOVAS

Axenda Cultural

Concerto da banda de gaitas de Calo

Día: 11/09/2015

Hora: 19:00

Lugar: Praza dos encontros (A Ramallosa)

Concerto Banda Música de Calo

Día: 12/09/2015

Hora: 17:00

Lugar: Praza dos Encontros (A Ramallosa)

Conto Express

Día: 18/09/2015

Hora: 18:30

Lugar: Mediateca dos Tilos

Visita nocturna aos petróglifos teenses

Día: 19/09/2015

Hora: 21:00

Lugar: Capela de Cornide

Chungatrona, de Peter Punk

Día: 25/09/2015

Hora: 18:30

Lugar: Parque dos Tilos

Opinión
Queres expresarte?
 
Eres escritor ou escritora, poeta ou poetisa, e queres dar a coñecer o teu talento? 
 
Precisas un espazo para que te escoiten, para opinar e denunciar os problemas que che afectan?
 
Envíanos os teus contidos a asnovasdeteo@gmail.com

Arquivo de novas

Mes / Ano

bottom of page