José Manuel Guerra esixe “unha explicación pública do alcalde á veciñanza” polo impago de 110.000 eu
- POLÍTICA | RSR | PP de Teo
- 30 jun 2015
- 1 Min. de lectura
Dende o Partido Popular teense aluden a “unha serie de débedas non abonadas” e aseguran que FENOSA “realizou a primeira notificación de suspensión do servizo se non se abonan dentro do prazo regulamentado”

José Manuel Guerra, portavoz do Partido Popular de Teo, denuncia “a irresponsabilidade do Goberno Municipal” e é que, dende o Partido Popular aluden a “unha serie de débedas que o Concello contraeu con FENOSA, derivadas de facturacións non abonadas polo suministro de electricidade nás súas dependencias e instalacións e que ascenden a máis de 110.000 euros”.
Este feito, segundo o PP teense, provocou “a primeira notificación de suspensión de servizo” se o Concello non abona esa cantidade “dentro do prazo reglamentado”, sumando á débeda “uns intereses polos retrasos que tamén reclama a compañía eléctrica”.
José Manuel Guerra considera que “esta é a demostración de que Rafael Sisto enganou á opinión pública durante a campaña electoral presentando un balance económico positivo ao tempo que tiña importantes facturas gardadas no caixón", polo que o Grupo popular esixe “unha explicación pública do alcalde á veciñanza”.
Dende o Concello aseguran que “é certo que hai unha débeda histórica difícil de eliminar”, que “xa existia antes do primeiro goberno de Martiño Noriega, pero que “non hai facturas no caixón”. Ao respecto do aviso por parte da compañía eléctrica, dende o Concello informan de que FENOSA manda eses avisos “como unha formalidade” debido a que “ao pagar as facturas con retraso, pasan un tempo sen ser abonadas”.
Por último, dende o consistorio negan que vaia a producirse ningún corte no suministro xa que “a relación coa empresa é fluída porque se están levando a cabo os pagos”.
Commenti