O PSdeG denuncia ante o Parlamento Galego a actuación da Xunta no incendio de Calo
- POLÍTICA | MLC | PSdeG de Teo
- 8 jul 2015
- 2 Min. de lectura
O pasado luns 29 de xuño produciuse un incendio forestal no Concello de Teo, na parroquia de Calo, que puxo en risco varias vivendas e onde os veciños e veciñas unha vez máis tiveron que facer fronte por eles mesmos ás lapas en determinados momentos

O balance, segundo datos da propia Consellería, foron 55 hectáreas calcinadas, pero sobre todo a sensación de perigo tanto de bens materiais e vivendas que durante largas horas existiu. Cando menos o tempo de reacción dos servizos de extinción non foi todo o rápido que debería tendo en conta que de inmediato se declarou o nivel de alerta dada a proximidade das casas.
Ante un incendio de situación 2, porque o lume podía afectar á poboación e a bens non forestais e requiría a adopción inmediata de medidas de protección e socorro, e ante as numerosas queixas da veciñanza da zona pola tardanza dos medios aéreos, a Xunta respondeu intentando “criminalizar” aos propios veciños e ao Concello, que foron os que nun primeiro momento responderon ao avance do lume, acusándoos dun suposto abandono do monte, pero sen dar resposta á tardanza na resposta da Xunta ante un incendio de tal calibre.
Para dar una resposta completa ante as queixas veciñais, os parlamentarios socialistas acaban de presentar no Parlamento de Galicia dúas preguntas, en Pleno e en Comisión, na que se solicita resposta a diversas cuestións, como a concreción de medios humanos e aéreos cos que se contaron, ou o tempo de resposta destes medios, obxecto principal das queixas dos veciños, e na que solicita así mesmo unha valoración da propia Xunta do dispositivo despregado.
Uxía Lemus, portavoz socialista no Concello de Teo, sinala que “agardamos que a resposta no Parlamento de Galicia dos responsables da loita contra os incendios sexa o máis completa posible. É indignante que tras ver os propios veciños atacando as lapas pegadas as súas casas, desde Medio Rural “se defendan” atacando a estes mesmos veciños, cando desde o propio comité de empresa da Consellería alertouse que o servizo de extinción tan só contou, para o incendio de Teo e o de Boborás do mesmo día, co 35% dos efectivos.”
Comments